Pon en valor o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública e destaca como exemplo, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, que é froito da aplicación práctica de que a docencia en ciencias da saúde e a investigación biosanitaria teñen un gran impacto científico, tecnolóxico, económico e social
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que os Orzamentos da Xunta para 2016 conteñen unha partida específica para a nova facultade de Medicina. Así, cando se aprobe a lei dos Orzamentos no Parlamento, “por primeira vez conterá unha partida específica para unha nova facultade de Medicina en Galicia”, afirmou.
Neste senso, o presidente da Xunta agarda que no ano 2016 se concrete “o alcance e contido desa nova facultade”, e se concrete exactamente “ o lugar e a ubicación exacta” así como o deseño arquitectónico necesario para que, 100 anos despois, se poida “se a Universidade o considera oportuno” e se “a cidade de Santiago así o ten a ben”, cambiar o emprazamento.
Así o expresaba o máximo responsable autonómico no acto académico de celebración do patrón de Medicina na Facultade de Santiago de Compostela, onde asistiu xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Alí, o presidente da Xunta aproveitou para poñer en valor o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública e destacou, como exemplo, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, que marca o sanitario como sector prioritario. Dito Plan é froito da aplicación práctica de que a docencia en ciencias da saúde e a investigación biosanitaria teñen un gran impacto científico, tecnolóxico, económico e social.
Para que dito proceso sexa completo, Feijóo sinalou que a integración da investigación coa práctica clínica é a mellor fórmula de éxito e a mellor maneira de garantir a pronta implantación dos avances científicos na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades. Por iso, destacou a necesidade de seguir traballando nos centros do Servizo Galego de Saúde, buscando acadar a excelencia.
O acordo de docencia clínica
Neste senso, fixo fincapé en que o desenvolvemento do acordo de docencia clínica recentemente asinado permitirá aproveitar mellor todos os recursos humanos e materiais cos que se conta no Sergas para logralo. Como destacou o presidente do Goberno galego, a docencia clínica é fundamental para a sanidade do futuro.
Así mesmo, Feijóo recalcou que este novo modelo de colaboración entre as Universidades e o Sistema Sanitario Público está chamado a ser un elemento decisivo para a calidade da formación e, por tanto, a boa prestación da asistencia á cidadanía. Do mesmo xeito, considerou unha necesidade ineludible que o Sistema Sanitario Público asuma o reto de ofrecer unha organización sanitaria altamente implicada na formación de calidade dos profesionais sanitarios.
No caso concreto da descentralización dos estudos de Medicina en todos os centros da Comunidade, o Servizo Galego de Saúde quere manter este marco de colaboración xa que, segundo Feijóo, tanto os centros coma os profesionais contan coa cualificación, medios e categoría necesarios para afrontar o dito reto.
Para iso, cre que vai ser necesaria, ademais, unha axeitada coordinación, favorecendo, por unha banda, a incorporación de profesionais sanitarios á docencia universitaria e, doutro, a de profesores universitarios das áreas de coñecementos relacionadas coas Ciencias da Saúde ás actividades docentes, asistenciais e investigadoras dos centros sanitarios.
Por outra banda, o mandatario galego sinalou que se pon a disposición da Facultade de Medicina o Sistema Público Sanitario galego: 14 hospitais, 480 centros de saúde e consultorios e 90 Puntos de Atención Continuada e toda a actividade que se fai para formar aos profesionais sanitarios do futuro. E esa gran actividade, como destacou, cóntase con millóns, xa que se están a levar a cabo en Galicia 25 millóns de consultas nos centros de saúde ao ano, e case 4,5 millóns de consultas nos hospitais, o que dá lugar a case 190.000 intervencións cirúrxicas.
Con respecto a este punto, Feijóo puxo en valor que se están facendo aproximadamente 24.000 intervencións cirúrxicas máis en xornada de mañá das que se facían en 2009 e asegurou que o rendemento cirúrxico foi subindo un punto cada ano ata situarse xa por riba do 75%, o óptimo segundo os manuais sanitarios. Así mesmo, estanse a prescribir 60 millóns de receitas.
Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que o Sergas “non é só unha fábrica de saúde” senón que intenta axudar a formar, a investigar e a innovar. De feito, máis de 1.100 investigadores están a traballar nos tres institutos de investigación do Sergas.
Un sistema sanitario e un sistema de formación en saúde do que sentirse orgullosos
Por tanto, segundo o presidente da Xunta “estamos facendo máis sanidade pública” e “estamos construíndo un sistema sanitario” do que sentirse orgulloso. Neste senso, tamén puxo en valor o sistema de formación en saúde da facultade de Medicina e Odontoloxía en Santiago. “Temos unha sanidade que investiga, temos unha sanidade que colabora na formación dos profesionais, temos unha sanidade que prevé enfermidades, temos unha sanidade que promove a saúde, unha atención primaria de calidade e temos unha sanidade que traballa en solucións eficientes”, asegurou Feijóo, ao tempo que engadía que “esa sanidade non existiría sen unha boa facultade de Medicina”.
Por outra banda, Feijóo destacou que “a sanidade pública é, xunto coa educación pública, un dos piares dun país”. Neste senso, do mesmo xeito que valorou o sistema sanitario público, tamén louvou o sistema universitario galego, que é o que conta coas “taxas mais accesibles de toda España”.